Saltar ao contido principal
Os chineses queren eliminar refugallos espaciais con raios láser
Calcúlase que xa hai máis de cen millóns de obxectos de orixe humana orbitando ao redor da Terra. Son un perigo para os satélites e as estacións espaciais tripuladas
China está a considerar desenvolver láseres baseados no espazo como un posible medio para combater a crecente presenza de refugallos de misións espaciais na órbita terrestre.
Unha proposta realizouse como parte dun estudo titulado Impactos dos elementos orbitais dunha estación de láser baseado no espazo na eliminación de pequenos residuos espaciais, que recentemente apareceu na revista científica Optik.
O estudo foi dirixido por Quan Wen, un investigador do Colexio de Información e Navegación da Universidade de Enxeñería da Forza Aérea de China, coa axuda do Instituto de Enxeñería de Sistemas de Equipos Electrónicos do mesmo país.
O equipo realizou simulacións numéricas para ver se unha estación orbital cun láser de impulsos de alta potencia podía facer madeixa nos refugallos orbitais. En base ás súas avaliacións da velocidade e as traxectorias do lixo espacial, descubriron que un láser en órbita que tivese a mesma RAAN ( Right Ascension of Ascending Node, un dos seis elementos que definen a traxectoria dun obxecto en órbita) que os refugallos en si sería efectivo para eliminalos.
A RAAN define a fase angular relativa entre o plano orbital e o equinoccio vernal, que é o punto de intersección entre a traxectoria do Sol e o plano ecuatorial da Terra.
"Os resultados da simulación mostran que a eliminación de cascallos vese afectada pola inclinación e a RAAN, e que a estación láser coa mesma inclinación e a RAAN que os refugallos teñen a maior eficiencia de eliminación. Proporciona a base para a eliminación de refugallos no espazo e o uso de láseres baseados no espazo".
Comentarios
Publicar un comentario