Terremotos de orixe humana

A minería, a construción de inmensos encoros, o 'fracking' e ata a construción de rañaceos provocan movementos sísmicos que poden alcanzar fortes magnitudes

Efectos del terremoto de 2008 en la localidad china de Jundao / Foto: Miniwiki

Dous fortes sismos e as súas réplicas acaban de causar numerosas vítimas e unha enorme destrución en Irán, na súa conflitiva fronteira co Kurdistán iraquí, e en Costa Rica. En setembro foi duramente sacudida a Cidade de México. O centro de Italia viuse sacudido varias veces nos últimos anos co resultado de graves danos humanos e materiais. Os países situados na proximidade dos límites entre placas tectónicas están expostos a esta clase de manifestación das xigantescas forzas telúricas que fan desprazarse os continentes sobre a cortiza do noso planeta. Pero tamén hai terremotos causados polas actividades humanas. E non son poucos. E cada vez son máis.
Miles Wilson, geofísico da Universidade de Durham (Reino Unido), tenta levar a conta, e ata o momento anotou 736 proxectos en distintos lugares da Terra que fixeron tremer o chan. Os resultados da súa investigación foron publicados o mes pasado na revista especializada Seismological Research Letters. Explotacións mineiras, construción de xigantescos encoros e, nos últimos tempos, a extracción de gas e petróleo por medio do fracking son os máis habituais, aínda que os hai de moitos outros tipos. Como sucede con esta última polémica forma de obtención de hidrocarburos, todas as accións de inxección de fluídos ou gases a presión baixo terra son susceptibles de provocar sismos.

 No mapa do mundo onde aparecen situados os lugares onde o ser humano desencadeou terremotos non falta un punto situado fronte á costa mediterránea española, a poucos quilómetros da localidade castellonenca de Vinaròs, onde se construíu o errado almacén submarino de gas Castor, responsable de centos de tremores de ata 4,3 graos na escala de Richter en 2013 (e dun inmenso buraco nas arcas públicas estatais pola xigantesca indemnización de 2.600 millóns de euros que o Goberno pactou pagar á empresa responsable se finalmente o depósito non acababa sendo unha realidade lucrativa).
Probas nucleares, construción de rañaceos demasiado altos e pesados, escavación de grandes túneles, perforacións para obter enerxía geotérmica ou a eliminación de enormes cantidades de fluídos ou residuos líquidos por vía subterránea son outras das causas humanas de movementos sísmicos de diferentes magnitudes, aínda que os investigadores cren que a lista pode ser aínda máis longa debido ao descoñecemento que aínda temos sobre as consecuencias reais de moitas outras actividades. Ata proxectos de secuestro de CO2 baixo terra para combater o quecemento global poderían acabar nela.

Comentarios

Publicacións populares