Ríos con dereitos humanos

Nas dúas últimas semanas, o Whanganui, en Nova Zelandia, e o Ganges, na India, obtiveron o status de persoa xurídica.

El Whanganui es el curso fluvial navegable más largo de Nueva Zelanda / Foto: Wikipedia - Joerg Mueller
O río Whanganui, no sur da illa Norte de Nova Zelandia, obtivo o recoñecemento de persoa xurídica tras 160 anos de loita incesable dos maoríes, para quen este curso fluvial serpenteante de 290 quilómetros é sacro. Converteuse no primeiro río do mundo considerado legalmente como unha persoa. Con menos dunha semana de distancia, o Ganges, na India, obtivo o mesmo status legal.

O Whanganui é o río navegable máis longo de Nova Zelandia e o terceiro máis extenso do país. Empeza no monte Tongariro e percorre a rexión de Manawatu-Wanganui para desembocar no mar de Tasmania. Segundo a lenda maorí, naceu tras unha pelexa entre dous montes: o Taranaki e o Tongariro. Tras enfrontarse pola montaña Pihanga, o monte Taranaki fuxiu do centro da illa do Norte cara ao mar, deixando un longo rastro tras de si, o monte Tongariro enviou auga fría para curar o suco, creando así o río.

Os europeos establecéronse nas terras que cruza o Whanganui a finais da década de 1830. Os primeiros barcos de vapor chegaron na década de 1860 e os turistas, que acudían en masa ás travesías polo río, a principios do século XX. Hoxe en día, percorren as súas augas canoas, kaiaks e jetboats.

Coa nova lei, aprobada polo Parlamento neozelandés, ao río Whanganui recoñécenselle todos os dereitos, deberes e responsabilidades dunha persoa. A partir de agora, poderá ser representado en procedementos xudiciais por un membro dos Whanganui iwi, ou tribo, e un delegado do goberno. Contaminar ou danar o río será legalmente como magoar a unha persoa.

O acordo inclúe unha compensación de 80 millóns de dólares neozelandeses (52 millóns de euros), 30 millóns de dólares (preto de 20 millóns de euros) para mellorar e manter a saúde do río e un millón de dólares (uns 650.000 euros) destinado a establecer o marco legal.

A nova lei pon fin a un longo litixio da historia do país. "Sei que algunhas persoas pensarán que é sumamente estraño dar a un recurso natural unha personalidade xurídica, pero non é máis estraño que darlla a unha fundación, unha compañía ou outro tipo de sociedade?, afirma o ministro para a Negociación de Tratados, Chris Finlayson, tal e como recolle o New Zealand Herald. ?Esta lei recoñece a profunda conexión espiritual entre o pobo local Whanganui iwi e o seu río ancestral. Recoñece as tradicións e os costumes e crea unha base sólida para o futuro do río?, engade.

Comentarios

Publicacións populares