O petróleo do século XXI

Os grandes bancos e fondos de investimento volven os seus ollos cara á auga como un dos recursos estratéxicos a dominar nas próximas décadas

El agua está pasando progresivamente de manos públicas a privadas / Foto: Killovolt
Por fin a humanidade empeza a darse conta de que a auga é o recurso natural máis importante, moito máis que o petróleo, a madeira ou os minerais estratéxicos. E máis valioso que o ouro ou os diamantes. Pero tivo que esperar a que empezo a escasear. O diñeiro volveu xa os ollos cara ao que augura que será un dos máis lucrativos negocios nun inmediato futuro. Como sempre, a estratexia será acaparar o recurso para especular con el cando falte. Os grandes bancos e fondos de investimento xa invisten masivamente en reservas de auga doce e nas infraestruturas que xestionan o fluído que nos dá a vida.
Bancos como Goldman Sachs, JP Morgan Chase, Citigroup, UBS, Deutsche Bank, Credit Suisse, Macquarie Bank, Barclays Bank, Blackstone Group, Allianz e HSBC e magnates como T. Boone Pickens, o ex presidente de Estados Unidos George Bush e a súa familia, Li Ka-Shing de Hong Kong ou o filipino Manuel V. Pangilinan iniciaron desde a pasada década unha tola carreira para adquirir por todo o mundo miles de quilómetros cadrados de terras con acuíferos e lagos, así como dereitos e servizos de auga e participacións en empresas de enxeñería e tecnoloxía hídricas.

Reservas, redes de abastecemento e plantas de tratamento son o obxectivo
A lista de activos nos que invisten inclúe os dereitos de auga (para aproveitar as augas subterráneas, os acuíferos e ríos), a terra con auga sobre ou baixo ela (lagos, lagoas e mananciais naturais na superficie ou ríos e acuíferos por baixo), proxectos de desalinización, de purificación e tratamento, tecnoloxías de rega e perforación de pozos, servizos e empresas de servizos públicos de auga e saneamento, mantemento da infraestrutura de auga e a súa construción (tubaxes e distribución das plantas de tratamento a nivel residencial, comercial, industrial e usos municipais), servizos de enxeñería da auga (deseño e construción de instalacións relacionadas coa auga), e o sector da auga polo miúdo (produción, envasado e venda de auga embotellada, máquinas expendedoras de auga, servizos de subscrición e entrega de auga embotellada e camións cisterna), enumera o enxeñeiro e deseñador ecolóxico Jo-Shing Yang en Global Research.

"A auga é o petróleo do século XXI", afirmaba xa en 2008 Andrew Liveris, director executivo da multinacional Dow Chemical nunha entrevista con The Economist. E a mesma definición emprega Goldman Sachs, un dos bancos de investimento máis importantes do mundo, que saltou aos titulares en 2010 pola súa fraude coas hipotecas subprime, unha das causas da crise financeira mundial, e que estivo involucrado no desastre económico grego como un dos seus principais responsables ao axudar a maquillar durante anos as contas do gabinete conservador de Kostas Karamanlis. Unha análise de JP Morgan, publicado en 2012, afirma que Wall Street parece consciente das oportunidades de investimento en infraestrutura de abastecemento de auga, tratamento de augas residuais e tecnoloxías de xestión da demanda

Comentarios

Publicacións populares